Wednesday 24 de April de 2024

Lousame homenaxea ao atleta local Fernando Pérez Fernández “Dete”, campión de España de Canicross e campión galego de Bikejoring


A alcaldesa Teresa Villaverde ofreceu a colaboración do Concello para a posta en marcha dunha escola de canicross en Lousame, que considera que pode atraer turismo á comarca

O Concello de Lousame vén de realizarlle unha homenaxe ao atleta local Fernando Pérez Fernández “Dete”, que nos dous últimos meses vén de proclamarse campión de España de Canicross en terra e campión de Galicia de Bikejoring. Un acto presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e presentado pola concelleira de Deporte e Xuventude, María Regenjo, quen salientou o currículo deportivo de “Dete”, “pois cando unha persoa de Lousame leva o nome deste concello por toda España é algo que nos enche de orgullo”.

Pola súa banda, Teresa Villaverde felicitou a Fernando Pérez polos seus triunfos deportivos e desexoulle toda a sorte na posta en marcha de “Senbal adestramento canino”, unha iniciativa que combinará unha escola de canicross para fomentar o deporte de base e unha escola de adestramento de cans. “Estamos ao teu dispor para colaborar nesa escola e desexamos que sexan moitos os nenos e nenas que se acheguen a practicar este novo deporte”, apuntou Villaverde Pais, quen lembrou tamén que a singularidade desta proposta podería ser un novo atractivo turístico para a comarca. “Se conseguimos ter un circuíto de BTT ou de Canicross podería ser un atractivo que podería mover moito turismo familiar, que traería un retorno cara o municipio”.

A alcaldesa de Lousame entregoulle a Fernando Pérez un óleo co retrato de “Dete” e o seu can Wali cando se proclamaron campións de España. Así mesmo, entregoulle outro agasallo moi especial: unhas zapatillas deportivas para a súa primeira filla, nacida dous días antes. Pola súa banda, Fernando Pérez Fernández “Dete” agradeceu a homenaxe e o apoio do Concello de Lousame, municipio que dixo “pode ser un sitio bo para facer unha proba popular de Canicross”. Ademais, aproveitou para anunciar que “o obxectivo para este ano é poder participar o outono que vén no Campionato de Europa”.

Valores deportivos e respecto polos animais

“Dete”, que acudiu ao acto con Wali (can co que se proclamou en decembro campión de España de Canicross e en xaneiro campión de Galicia de Bikejoring), explicou que “o canicross é un dos deportes máis sinxelos de practicar, só hai que estar en forma”. Así, indicou que para practicar canicross “primeiro hai que ser amante do deporte e dos cans, porque hai que estar moito tempo con eles. Eu estou disposto a que todo o que o desexe veña probar, pois penso que o enganche xa ven só”. Neste sentido, explicou que “o importante é o animal, pois é un deporte que che baixa moito o ego porque estás centrado no can, co que creas un vínculo espectacular”.

“Dete” explicou que a idea de montar “Senbal adestramento canino” xurdíu despois de sacar o título de adestrador canino. “O noso principal obxectivo é o fomento deste deporte entre os máis novos, nenos e nenas a partir dos dez anos. Ensinarlles valores deportivos e respecto polos animais a través do canicross, que aprendan como deben tratar ao seu can. Supervisaremos o seu adestramento constantemente, estando ao seu carón en todo momento”.

As clases, a partir dos 10 anos de idade, serían dous días á semana e se impartirían en Cernande, parroquia de Tállara, onde contan cun centro de adestramento de 600 metros cadrados que sería o punto de encontro para logo saír a correr pola natureza. Máis información e inscricións en senbaladestramento@gmail.com, www.senbal.com ou no teléfono 625 441 930.

Currículo

Fernando Pérez Fernández “Dete” naceu na parroquia de Tállara (Lousame) o 29 de xullo de 1982. Actualmente compite con tres cans de raza alaskano (mestizos de Husky con Pointer ou Braco): Wali, Balta e Sherpa, na modalidade de canicross, na que é o actual Campión de España e Campión Galego bikejoring, superando ao Campión de España desta modalidade.

Despois de pasar polo Clube Alejandro Gómez (Vigo), esta temporada Fernando decidiu fundar o seu propio equipo, do que é o actual presidente: o SenBal Mushing Team, un clube de canicross federado paralelo ao seu Centro de Adestramento Canino e Escola de Canicross, aberto a todos aqueles que sintan curiosidade por este deporte e queiran fomentar un forte vínculo co seu can, ao mesmo tempo que pretende servir como caldo de cultivo de futuros campións de canicross fomentando o deporte base.

RESULTADOS TEMPORADA 2015-2016:

 Campión de España de Canicross Terra con Wali (Covarrubias).
 Campión Galego de Bikejoring con Wali (Boborás).
 Canicross Boimorto con Balta, 1º.
 Canicross Teira con Wali, 1º.
 Bikejoring Teira con Sherpa, 1º.
 Canicross Zamáns con Wali, 1º.
 Bikejoring Zamáns con Balta, 2º.
 Canicross Redondela con Wali, 1º.
 Canicross Rodeiro con Balta, 2º.
 Bikejoring Rodeiro con Wali, 2º.
 Canicross A Estrada con Sherpa, 3º.

RESULTADOS TEMPORADA 2014-2015:

 Campión Galego de Canicross con Sentinel (Rodeiro).
 Subcampións de España de Canicross neve con Sentinel (Baqueira Beret).
 Subcampións da Copa de España de Canicross en Categoría Élite con Sentinel.
 Seleccionado pola Federac. Española para europeo e mundial.
 Canicross de Valadares, 1º.
 Canicross “A granxa do Xesto”, 1º.
 Canicross Zamáns, 1º.
 Canicross Comillas, 2º.
 Canicross A Estrada, 2º.
 Canicross Boimorto, 3º.
 Canicross Cercedilla, 3º.
 Canicross Ólvega, 5º.
 Campionato España Canicross Terra, 5º.